Skip to content

4º de ESO participa na VII Ciberliga Nacional Pre-Amateur coa Garda Civil

O pasado xoves 12 de febreiro, o noso Colexio Losada tivo o privilexio de recibir a visita de membros da Gardia Civil con motivo da participación do alumnado de 4º de ESO na rolda clasificatoria da VII Ciberliga Nacional Pre-Amateur.

A xornada comezou cunha charla formativa dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO centrada no uso seguro e responsable das redes sociais. Durante a sesión abordáronse cuestións clave como a protección da identidade dixital, os riscos asociados á sobreexposición en internet, o ciberacoso, a xestión da privacidade e a importancia de manter unha actitude crítica ante os contidos que circulan na rede. A intervención resultou moi interesante polo seu carácter práctico e próximo, favorecendo a participación activa do alumnado.

Posteriormente, os axentes permaneceron no centro para traballar específicamente co grupo de 4º de ESO, explicando en detalle o funcionamento da Ciberliga e os ciber-retos que deberán afrontar nesta fase clasificatoria. A través de distintas probas relacionadas coa ciberseguridade, a lóxica, a análise dixital e a prevención de riscos tecnolóxicos, o alumnado tivo a oportunidade de desenvolver competencias clave nun ámbito cada vez máis relevante na nosa sociedade.

A Ciberliga Nacional Pre-Amateur é unha iniciativa que busca fomentar o interese pola ciberseguridade entre os mozos e mozas, promovendo o uso seguro da tecnoloxía e despertando vocacións no ámbito tecnolóxico e dixital.

Dende o centro queremos agradecer á Gardia Civil a súa implicación e proximidade, así como felicitar ao noso alumnado de 4º de ESO pola súa participación, compromiso e actitude durante a xornada.

Seguiremos apostando por iniciativas que contribúan a formar cidadáns dixitais responsables e preparados para os retos do futuro.

Back To Top