Intercambio de alumnos/as co Collège Anselme Mathieu, Avignon (Francia)
Un grupo de 5 alumnos/as de 3º ESO, acompañados das súas profesoras Clara Liz e Celia Lozano, viaxaron á localidade francesa de Avignon para participar nun intercambio co Collège Anselme Mathieu. Esta mobilidade forma parte do Proxecto 2024-1-ESO1-KA121-SCH-000236079, cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea. Durante a semana do 24 ao 28 de febreiro, desfrutarán dunha fantástica experiencia tanto a nivel académico como persoal.
Ademais das actividades académicas no colexio francés, realizarán visitas culturais e didácticas, co obxectivo principal de mellorar a inmersión lingüística en francés.
LUNS, 24/02/25
Os nosos alumnos/as e as súas profesoras recibiron unha cálida benvida no colexio francés, onde realizaron actividades e dinámicas para romper o xeo e empezar a coñecerse.
Despois de xantar no colexio, desprazáronse ao centro de Avignon para realizar un espectacular tour, no que non faltaron o emblemático Palacio dos Papas, un dos edificios góticos medievais máis impoñentes de Europa. Tamén gozaron do Pont d´Avignon, famoso ponte medieval sobre o río Ródano e, de volta, realizaron un percorrido polo casco histórico.
Unha xornada completa que fixo as delicias do noso alumnado e profesorado.
MARTES, 25/02/25
A primeira hora da mañá, os estudantes franceses e españois, acompañados polos seus profesores/as, desprazáronse en tren á cidade provenzal de Arlés, con un patrimonio histórico e artístico destacado en diferentes épocas.
Nun ambiente de gran cordialidade e camaradería, realizaron unha caza do tesouro en grupos internacionais para descubrir os monumentos relacionados co pasado romano da cidade: anfiteatro, teatro antigo, circo romano, foro e as termas de Constantino.
Posteriormente, a cidade foi un importante centro medieval desde o punto de vista económico, grazas ao Camiño de Santiago, con unha notable presenza de arte románica. Xa a finais do século XIX e principios do XX, foi cidade de veraneo de grandes pintores como Van Gogh, Renoir ou Picasso.
Unha xornada marabillosa que fixo as delicias de estudantes e profesores.
MÉRCORES, 26/02/25
O mércores pola mañá, os estudantes franceses e españois tiveron unha intensa xornada de traballo no Collège Anselme Mathieu. En equipos internacionais, guionizaron un podcast no que trataron diversos aspectos relacionados co proxecto, os colexios participantes, as actividades do intercambio e os beneficios dos proxectos Erasmus para alumnado, profesorado e institucións. Este traballo culminará o venres coa gravación do podcast coa presenza da radio local e os seus equipos profesionais.
Despois dunha mañá de actividade académica, os nosos alumnos/as degustaron un delicioso picnic e dedicaron a tarde a actividades lúdicas. Asistiron a unha clase práctica de boxeo nunha asociación deportiva local e, despois, gozaron durante dúas horas do patinaxe sobre xeo, acompañados dos estudantes franceses cos que están establecendo vínculos de amizade e cooperación realmente fantásticos.
As caras sorrintes e felices dos estudantes son o mellor reflexo do éxito rotundo deste proxecto que segue enriquecendo aos seus participantes.
XOVES, 27/02/2025
Os estudantes franceses e españois, xunto aos seus profesores/as, desprazáronse en tren á cercana cidade de Nimes, animada, agradable e chea de Historia.
Entre as visitas, destacou o anfiteatro romano mellor conservado do mundo, Les Arenes, onde actualmente se celebran concertos e espectáculos. Tamén visitaron La Maison Carrée, un dos poucos templos romanos conservados desde o século I, que formaba parte do foro romano. Finalizaron o espectacular percorrido histórico na Tour Magne, a torre máis alta e prestixiosa da muralla romana, da que só se conservan algúns fragmentos.
De volta en Avignon, disputaron reñidas partidas de billar en equipos internacionais e finalizaron a intensa xornada cunha cea conxunta no centro histórico da cidade francesa.
VENRES, 28/02/2025
Continúa a frenética actividade dos estudantes no último día da mobilidade.
No colexio francés participaron nun taller de cociña onde elaboraron os famosos crepes franceses en diferentes preparacións. Unha vez rematada a actividade culinaria, gravaron o podcast “Erasmus. De Avignon a Vigo: estamos en conexión”, destacando a participación de profesionais da emisora RTV FM, que fixeron que os estudantes vivisen unha experiencia única.
Despois de xantar, chegou a tristeza das despedidas tras uns fantásticos días de convivencia e actividade. Agradecementos ao anfitrión pola acollida e as atencións para que os nosos alumnos/as e profesoras se sentisen como na súa propia casa.
Todos os participantes no intercambio quedaron a agardar pola mobilidade que se desenvolverá en Vigo na semana do 5 ao 9 de maio.
































































































