Os premiados polo Programa Escola Cisco IT Rocks viaxan a Madrid para presentar o seu proxecto.
O Colexio Losada foi o único centro galego elixido polo Programa Escola Cisco IT Rocks na edición de 2019-2020. Os alumnos premiados tiveron a oportunidade de presentar o seu proxecto de IoT (Internet of Things -Internet das Cousas) nas oficinas de CISCO en Madrid, dentro do programa CISCO escola.
O proxecto premiado, GANYL, consiste nunha fechadura que funciona mediante unha pegada dixital que permite abrir, pechar e arrincar un vehículo. Contrólase a partir dunha aplicación móbil que permite xeolocalizar o coche e bloquealo no caso de que a pegada que o tente abrir non forme parte da colección de pegadas almacenadas na memoria da fechadura.
A través da participación neste programa o Colexio Losada potenciou o estudo dos STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e explicou como a tecnoloxía pode influír nas vidas. Ademais, o alumnado tivo a gran experiencia de participar nun proxecto que non só potencia o seu enxeño, senón que ademais, permítelle practicar as súas capacidades oratorias e de presentación.

