O Colexio Losada estreou no curso 2018-2019 o Método Singapur en Matemáticas, que aínda non está implantado en España. Este método, impulsado por Yeap Ban Har, consiste en ir máis aló da aprendizaxe, a non só ensinar a aprobar exames, senón tamén a pensar e a entender as matemáticas “aprender esta materia non é tanto facer cálculos como interiorizar un novo idioma”.
O obxectivo deste novo método é ensinar aos alumnos a resolver problemas por si mesmos, para que así consigan aprender a pensar. A esencia desta dinámica reside en que os profesores deben ensinar en clase traballando cos alumnos en equipo, a través de obxectos concretos e deixando aos alumnos que debatan como resolvelo ata chegar a unha mesma solución por distintos camiños. Estas clases divídense, sempre, en tres fases de traballo: unha primeira fase concreta onde os alumnos utilizan materiais; outra pictórica, na que debuxan eses materiais sobre o papel; e unha última fase abstracta, de representación dos números naturais. Este tipo de métodos aumentan a autoestima do alumnado e facilitan a aprendizaxe, ademais de aceleralo. Xa non se teñen que preocupar de aprenderse as fórmulas exactas, senón de razoalas e sacalas eles mesmos a través das súas conclusións.